/

3 de Outubro de 2024

A Deputación reúne aos axentes do Proxecto Acelerou que axudarán ás empresas na súa transformación dixital

Esta iniciativa é un paso máis no obxectivo da Deputación de Ourense de apoiar a pemes, autónomos e emprendedores na súa modernización tecnolóxica

Os axentes de dixitalización axudarán ás empresas a materializar o proceso de dixitalización con asesoramento especializado, formación, talleres e aplicacións e programas, entre outras liñas de traballo

Ourense, 13 de setembro de 2024.

Dar a coñecer o Proxecto AcelerOU e todas as accións que se porán en marcha no marco desta iniciativa foi o obxecto do encontro que mantivo a director da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación Provincial, Marcos Valiño, xunto ao equipo de AceleraPyme , con preto dunha quincena de axentes dixitalizadores, que serán os encargados de dar soporte tecnolóxico ás empresas.

AcelerOU nace no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dentro do programa AceleraPyme e que se enmarca no Plan de Dixitalización das Pemes 2021-2025 financiado pola Unión Europea – Next Generation EU. Así, esta iniciativa convértese nun paso máis no obxectivo da Deputación Provincial de Ourense de apoiar a pemes, autónomos e emprendedores ourensáns na súa transformación e modernización dixital.

Cando un usuario contacta coa Deputación a través das diferentes oficinas dispoñibles, tanto físicas como itinerantes ou virtuais, o seu caso será analizado polo equipo de AceleraPYME e tramitaranse as axudas dispoñibles, do mesmo xeito que ocorre cos programas estatais “Kit Consultoría” e “Kit Dixital”.

A partir deste trámite, os axentes dixitalizadores axudarán ao interesado no seguinte paso, imprescindible: materializar o proceso de dixitalización.

Asesoramento personalizado, desenvolvemento web e de aplicacións, mercadotecnia dixital, xestión de clientes ou redes sociais son algunhas das áreas nas que os axentes mostraron o seu interese por apoiar aos usuarios.

Tamén se convidou aos axentes dixitalizadores a formar parte dun plan complementario que inclúe xornadas de sensibilización, talleres e seminarios, así como apoio en tecnoloxías dixitais ou talleres teórico-prácticos sobre as axudas existentes ao financiamento da dixitalización.

Ao mesmo tempo, os informes dos axentes, a formación específica ou a presenza dos expositores de Acelerou en diferentes eventos constitúen un amplo abanico de posibilidades de colaboración dentro do proxecto.